Select Page

eventos

Liderado saudable

Liderado saudable

O liderado desempeña un papel relevante na creación de contornas de traballo saudables e na promoción do benestar das persoas traballadoras. Un liderado consciente, empático e adaptativo pode contribuír a xerar relacións baseadas na confianza, mellorar a comunicación e previr riscos psicosociais.

No marco da Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo, o Issga, en colaboración con MC Mutual, organiza este webinar sobre liderado saudable, no que se abordará o papel das persoas que exercen funcións de liderado na xeración de seguridade psicolóxica nos equipos. A través de exemplos, dinámicas participativas e outros recursos, analizarase como favorecer espazos nos que as persoas poidan expresarse con confianza, participar, colaborar e desenvolverse plenamente.

Prevención de riscos laborais no traballo a distancia e teletraballo

Prevención de riscos laborais no traballo a distancia e teletraballo

O traballo a distancia e o teletraballo forman unha parte cada vez máis habitual da organización do traballo e presentan vantaxes relacionadas coa flexibilidade e a autonomía, pero tamén poden implicar riscos laborais específicos que deben ser identificados e xestionados desde unha perspectiva preventiva.

Neste contexto o Issga, en colaboración con Asepeyo, organiza este webinar sobre a prevención de riscos no traballo a distancia e o teletraballo. Na sesión abordaranse os principais riscos asociados a estas modalidades de organización do traballo, con especial atención aos aspectos ergonómicos, aos trastornos musculoesqueléticos, á fatiga visual e aos factores de risco psicosocial, así como ao tecnoestrés, á organización do tempo de traballo e á desconexión.

Integración da perspectiva de xénero na ergonomía laboral

Integración da perspectiva de xénero na ergonomía laboral

Moitos postos de traballo, ferramentas e equipamentos continúan deseñándose a partir de modelos estándar masculinos, sen ter suficientemente en conta as diferenzas físicas e organizativas entre mulleres e homes. Este webinar abordará como a integración da perspectiva de xénero na ergonomía laboral contribúe a mellorar a identificación e avaliación dos riscos ergonómicos, favorecendo contornas de traballo máis seguras, saudables e adaptadas á diversidade da poboación traballador

Sono e descanso

Sono e descanso

A adopción de prácticas e condutas saudables permite mellorar as condicións físicas e psicolóxicas das persoas. A súa incorporación á rutina diaria require esforzo, planificación e constancia, o que en ocasións pode dificultar a súa posta en marcha. Porén, existe unha actividade á que dedicamos unha parte importante do noso tempo e que, con frecuencia, descoidamos: o sono.
Nun contexto no que os ritmos de vida e traballo son cada vez máis esixentes, prestar atención ao descanso convértese nun factor clave para manter a saúde, o benestar e un bo rendemento. Neste webinar, organizado en colaboración con FREMAP, ofreceranse pautas sinxelas e prácticas para mellorar os hábitos de sono e acadar un descanso máis completo, que nos permita afrontar con mellores garantías os retos do día a día.

Novidades na selección de protección ocular ou facial. Norma EN ISO 16321

Novidades na selección de protección ocular ou facial. Norma EN ISO 16321

Webinar organizado en colaboración con FREMAP sobre as novidades na selección de protección ocular e facial, centrado na nova norma EN ISO 16321, que substitúe á EN 166 como estándar de referencia. A sesión porá o foco na protección dos ollos e da cara como elementos clave da seguridade laboral, abordando os principais riscos e as solucións de protección existentes.
Durante o webinar facilitaranse ferramentas prácticas para a selección de equipos de protección ocular e facial, amosaranse criterios para unha elección axeitada mediante exemplos aplicados e daranse a coñecer as principais novidades introducidas pola norma EN ISO 16321.

Construíndo benestar: ferramentas para contornas de traballo psicosocialmente saudables

Construíndo benestar: ferramentas para contornas de traballo psicosocialmente saudables

Nun contexto laboral cada vez máis esixente e cambiante, os factores psicosociais convertéronse nun elemento clave para a saúde das persoas traballadoras e o bo funcionamento das organizacións. A xestión da tensión, a carga de traballo, o clima laboral ou o estilo de liderado son aspectos que inflúen directamente no benestar, a motivación e o rendemento.
Este webinar realizado en colaboración con Asepeyo, que se celebrará o 23 de abril, enmárcase no Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, centrado este ano nas contornas de traballo psicosocialmente saudables. A sesión ofrecerá unha visión práctica sobre o marco normativo e estratéxico, a avaliación dos riscos psicosociais e, especialmente, sobre como transformar o diagnóstico en acción mediante ferramentas e recursos aplicables, promovendo contornas laborais máis saudables, participativos e sostibles.

Consignación de maquinaria. Procedimiento de implantación

Consignación de maquinaria. Procedimiento de implantación

Os accidentes de traballo non son froito da casualidade nin feitos inevitables, senón consecuencia de factores que poden identificarse e corrixirse.
Con este obxectivo, o ISSGA promove este ano un webinar centrado na prevención dos accidentes derivados da posta en marcha de maquinaria e equipos de traballo. A correcta consignación e o bloqueo das enerxías perigosas constitúen un aspecto fundamental para garantir condicións de traballo seguras, incorporando a seguridade, a saúde e o benestar como valores esenciais en todos os niveis da actividade laboral.

Habilidades comunicacionais e xestión de conflitos

Habilidades comunicacionais e xestión de conflitos

Os conflitos forman parte da convivencia diaria entre as persoas que comparten tempo, espazo e responsabilidades nos centros de traballo. A forma na que interpretamos as situacións, comunicamos as nosas necesidades e xestionamos as emocións determina en gran medida a evolución e o impacto destes conflitos no benestar laboral. Por iso, adquirir recursos prácticos neste ámbito convértese nun elemento clave para avanzar cara a contornas profesionais máis seguras, cooperativas e saudables.
No último webinar deste ano afondaremos, da man de profesionais de FREMAP, nos principais factores que condicionan a comunicación e a resolución de problemas interpersoais. Analizaranse exemplos reais e moi habituais no día a día das empresas, ao tempo que se presentarán ferramentas sinxelas e eficaces para afrontar situacións difíciles con maior solvencia.

Novidades na guía técnica de manipulación manual de cargas do INSST

Novidades na guía técnica de manipulación manual de cargas do INSST

Este relatorio, impartido por Emilia Fernández Rey e José Ramón Castillo, especialistas en prevención de riscos laborais e manexo manual de cargas, organízase en colaboración con FREMAP. Nela analizaranse as novidades da Guía Técnica do INSST para a avaliación e prevención dos riscos relativos á manipulación manual de cargas, recentemente actualizada en novembro de 2024. Abordarase a flexibilización na avaliación de riscos, os métodos alternativos propostos e as recomendacións para a mobilización de persoas, ofrecendo boas prácticas e orientacións para promover contornas laborais seguras, saudables e eficientes.

Intelixencia artificial, dixitalización e PRL: cara a traballos máis seguros e saudables

Intelixencia artificial, dixitalización e PRL: cara a traballos máis seguros e saudables

Este relatorio, impartido polo Dr. Arturo Lahera Sánchez – experto en Socioloxía do Traballo, Ergonomía e PRL –, enmárcase na Semana Europea da Seguridade e Saúde no Traballo baixo o lema “Traballos seguros e saudables na era dixital”. Abordará os retos (como ciberestrés, vixilancia dixital e desconexión) e oportunidades (teletraballo, ergonomía avanzada, flexibilidade) que expón a dixitalización no ámbito laboral. Ademais, presentaranse boas prácticas e estratexias para promover contornas dixitais seguras e saudables, en sintonía cos obxectivos da campaña europea 2023-2025

Estratexias fronte ao malestar emocional

Estratexias fronte ao malestar emocional

Nun contexto laboral caracterizado pola súa alta esixencia e ritmo acelerado, a saúde mental dos traballadores converteuse nun aspecto fundamental para garantir o benestar integral e a produtividade nos entornos laborais. A xornada que presentamos en colaboración con FREMAP, está deseñada para abordar de xeito integral e preventivo os aspectos relacionados coa saúde emocional, promovendo a sensibilización, a detección temperá e a xestión adecuada dos trastornos mentais e os problemas emocionais que poden afectar a calquera individuo no seu día a día.

Coida o teu corazón: Actividade física e saúde

Coida o teu corazón: Actividade física e saúde

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), en colaboración con FREMAP, organiza o webinar “ACTIVIDADE FÍSICA E SAÚDE”, unha charla de sensibilización destinada a promover a excelencia no tratamento integral da saúde. O obxectivo principal é motivar ás persoas traballadoras para que realicen exercicio físico de maneira regular, contribuíndo a evitar ou minimizar as consecuencias negativas derivadas da inactividade e do envellecemento.

Workshop: Ollos sans

Workshop: Ollos sans

O “Workshop: Ollos sans” é un taller online organizado en colaboración con MC-Mutual, cuxo propósito é sensibilizar aos traballadores sobre os riscos derivados da fatiga visual e a Síndrome Visual Informático (SVI). Durante este evento, abordaranse as causas, síntomas e medidas preventivas para evitar estes problemas, así como exercicios prácticos para manter unha adecuada saúde ocular na contorna laboral.

A transformación tecnolóxica na prevención de riscos laborais

A transformación tecnolóxica na prevención de riscos laborais

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), en colaboración coa Fraternidad Muprespa, organiza este webinar centrado nos cambios que a dixitalización está a provocar no mundo do traballo e nos seus efectos na seguridade e saúde laboral. Enmarcado no obxectivo 3.2.5 do Plan de Actuación do ISSGA, abordará as oportunidades e os desafíos que supón a incorporación das novas tecnoloxías no entorno laboral, e como estas poden mellorar a prevención de riscos laborais.

Coida o teu corazón: saúde cardiovascular

Coida o teu corazón: saúde cardiovascular

A prevención e promoción da saúde no traballo deben ir de man, compartindo principios e obxectivos comúns. Con este enfoque, o ISSGA, en colaboración con FREMAP, organiza esta xornada técnica en formato webinar centrada na prevención das enfermidades cardiovasculares co fin de proporcionar ao persoal traballador formación e información clave sobre esta problemática e as mellores estratexias para previla.

Recursos para a xestión da desconexión dixital

Recursos para a xestión da desconexión dixital

O dereito á desconexión dixital converteuse nun tema clave no ámbito laboral, especialmente nun mundo cada vez máis dixitalizado. Neste contexto, o webinar organizado polo ISSGA, en colaboración con MC Mutual, ofrece unha oportunidade para reflexionar sobre os aspectos fundamentais da desconexión dixital, coñecer os recursos dispoñibles e aprender a xestionala de maneira efectiva nas organizacións. Participar nesta xornada técnica permitirá ás persoas asistentes adquirir ferramentas para implementar medidas que favorezan un entorno laboral máis saudable e equilibrado, adaptado aos retos da era dixital.

O radon no ámbito laboral

O radon no ámbito laboral

O principal obxectivo da actividade formativa é dar resposta ás obrigas legais que establece para o radon no ámbito laboral o Real decreto 1029/2022, de 20 de decembro polo que se aproba o Regulamento sobre protección da saúde contra os riscos derivados da exposición ás radiacións ionizantes e que afectan aos titulares das actividades laborais e concretar a función, contido e alcance do asesoramento que debe prestar o persoal técnico, así como aquelas situacións nas que sexa necesario recorrer a asesoramento especializado para non superar os niveis de referencia establecidos para o radon nos lugares de traballo, ou xestionar correctamente aquelas situacións nas que non se poden reducir os niveis.