eventos
De ‘Millenial’ a ‘Jubillennial’, xestión da diversidade xeracional
Xornada técnica, realizada en colaboración con Fraternidade-Muprespa, na que propoñemos dar un enfoque inclusivo á chamada xeración “Jubillennial”, proporcionar ferramentas para encarar unha xubilación en positivo e outras medidas para implementar a diversidade xeracional nas organizacións.
Innovación e boas prácticas de sensibilización fronte ao ruído de xeito visual e atractivo
O obxectivo final deste webinar, realizado en colaboración con Asepeyo, é mostrar desde unha perspectiva dinámica, visual e atractiva as consecuencias da exposición ao ruído a través do emprego de novas tecnoloxías.
Axentes canceríxenos e sílice cristalina
Xornada técnica que ten como obxectivo analizar as novidades derivadas da actualización da guía técnica para a avaliación e prevención dos riscos relacionados coa exposición a axentes canceríxenos ou mutáxenos no traballo así como os futuros cambios lexislativos. Na segunda parte, sobre a prevención derivada da exposición a sílice cristalina respirable (SCR), presentarase unha nova campaña do ISSGA e se analizarán os principais aspectos da guía técnica.
Promoción da saúde no lugar de traballo. Moverse máis e mellor
Xornada técnica realizada en colaboración con Motricidade Laboral SL na que impulsaremos un novo enfoque na xestión da saúde laboral que pon o foco nas persoas desde unha visión de saúde integral, un proxecto que se fortalece na nova Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027.
Benestar psicoemocional
O obxectivo final deste webinar, realizado en conlaboración con Fremap, é dotar aos asistentes de ferramentas prácticas que lles permitan manexar adecuadamente as distintas situacións xestionando eficientemente as súas emocións e as das persoas con que se relacionan.
Habilidades comunicativas e xestión de conflitos
Os conflitos son frecuentes entre as persoas que comparten tempo e espazo. As causas e, en gran parte, a forma de resolvelos, marcan a diferenza dos resultados. Durante esta xornada técnica, na que contamos coa participación de Fremap, veremos algúns exemplos cotiáns e frecuentes, así como a forma de afrontalos con maiores garantías de éxito.
Xestión do estrés
Este webinar, realizado en colaboración con MC MUTUAL, ten como obxectivos recoñecer os primeiros síntomas de estrés e identificar as súas causas, así como saber aplicar as estratexias de afrontamento máis adecuadas, para axudar ao persoal traballador a xestionar correctamente as situacións de estrés no traballo e previr así os seus posibles efectos na saúde.
Adaptación de postos de traballo
A adaptación dos postos de traballo ás capacidades dos traballadores que os ocupan para evitar ou minimizar os danos para a saúde é un dos principios fundamentais da prevención de riscos laborais. Neste webinar, realizado en colaboración con Ibermutua, abordaremos as cuestións relacionadas con este tema: definicións e conceptos, marco normativo, procedementos e exemplos prácticos.
Realidade virtual e PRL
Nesta xornada técnica en formato webinar, realizada en colaboración con Asepeyo, analizaremos a aplicación desta ferramenta ao ámbito da prevención e riscos laborais que nos permita, a través da sensibilización, mellorar procesos, reducir a sinistralidade e acadar contornos laborais máis saudables.
Aplicacións da intelixencia artificial na análise biomecánica
Nesta xornada técnica en formato webinar, realizada en colaboración co Instituto de Biomecánica (IBV), buscamos xerar ferramentas para mellorar os procesos de deseño de produtos e servizos baseados na interacción coa persoa, combinando o modelado biomecánico e a intelixencia artificial para converter a caracterización biomecánica nun proceso máis eficiente e áxil.
Teño que modificar unha máquina, que debo facer?
O obxectivo principal desta xornada, realizada en colaboración con FREMAP, é evitar que se acometan modificacións sobre as máquinas sen ter en conta os criterios necesarios para garantir que a máquina, tras a modificación, ofreza uns niveis de seguridade adecuados para o seu uso de acordo aos requisitos que lle sexan de aplicación.
Smartphone – #Úsao de forma saudable
Nesta xornada técnica, en formato webinar, realizada en colaboración con Fraternidad-Muprespa, presentaremos a campaña do ISSGA “Emprego de dispositivos electrónicos portátiles”, analizaremos o smartphone como fenómeno sociolóxico, os danos físicos e psicolóxicos asociados ao seu uso, como usalo de forma saudable e indicaremos, a nivel de adicións, como afecta as nosas neuronas a conectividade dixital e os bos usos e riscos da tecnoloxía no traballo e no teletraballo.
Xestión da saúde mental na empresa
Webinar realizado en colaboración con Ibermutua no que se abordará a saúde psicosocial da empresa, facendo un diagnóstico da situación actual e indicando as accións preventivas a implantar desde un enfoque desde a empresa saudable da saúde mental.
Criterio técnico de Inspección de Traballo sobre riscos psicosociais: Que obrigas supón para as empresas?
Esta xornada técnica en formato webinar, realizada en colaboración con McMutual, ten por obxectivo analizar o Criterio técnico 104/2021 sobre actuacións da Inspección de Traballo e Seguridade Social en riscos psicosociais para dar resposta a dúas cuestións:
Que obrigas teñen as empresas e como deben levalas a cabo para a correcta xestión preventiva dos riscos psicosociais? Incidindo especialmente nas características que debe cumprir a avaliación de riscos psicosociais.
Que supostos ou circunstancias van motivar a actuación de Inspección de Traballo e Seguridade Social nas empresas e que consecuencias poden derivarse?
Adaptación ao cambio: afrontamento ante a adversidade
Este webinar, no que participa Fremap, pretende dar a coñecer as diferentes estratexias e estilos de afrontamento e reflexionar sobre a importancia de traballar o autocoñecemento para mellorar a nosa forma de afrontar a adversidade en calquera ámbito da vida.
Prevención do consumo de alcol e drogas nas organizacións
Webinar realizado en colaboración con Mc-Mutual que ten como principal obxectivo tomar conciencia da importancia que ten o consumo de alcol e outras drogas na nosa sociedade e as súas repercusións a nivel persoal, social e laboral e como xestionalo desde a empresa para poder garantir a seguridade nos postos de traballo.
Saúde e teletraballo
Webinar con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo realizado en colaboración con Asepeyo no que se indicarán algunhas experiencias empresariais e as repercusións dende a PRL derivadas do teletraballo, como implantar un protocolo de traballo a distancia e os aspectos relacionados con actividades saudables.
Xestión do risco durante o embarazo e a lactación
Neste primeiro webinar, que forma parte da programación formativa do ISSGA para o ano 2022 e realizado en colaboración con Ibermutua, analizaremos o marco normativo que o regula, o procedemento que se debe seguir na súa tramitación así como os riscos laborais e clínicos e os diferentes axentes que interveñen: físicos, ergonómicos, químicos, biolóxicos e psicosociais. Para rematar haberá unha mesa redonda na que os axentes sociais nos darán a súa visión dende un punto de técnico deste tema.
Mindfulness para a redución do estrés no traballo
Webinar realizado en colaboración con Fremap que ten como obxectivo informar como a través da práctica do Mindfulness e a súa integración non traballo podemos incrementar o benestar laboral.
Prevención da violencia laboral
Webinar realizado en colaboración con Ibermutua Gallega que ten como obxectivo sensibilizar na necesidade de abordar a violencia no traballo nas empresas e proporcionar algunhas ferramentas básicas para achegar unha aproximación integral á prevención das situacións de violencia que se producen nas organizacións, como son os protocolos-tipo.
Innovación para introducir boas prácticas para a prevención de trastornos musculoesqueléticos no traballo. “Sistema MOCAP (Motion Capture). Exoesqueleto”
Este webinar, realizado en colaboración con Asepeyo e que forma parte de las actividades programadas polo ISSGA con motivo da “Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo”, ten por obxectivo sensibilizar e informar sobre un tema innovador e de actualidade, os exoesqueletos, que facilitan asistencia física ás persoas durante o desenvolvemento de determinadas tarefas e contribúen á redución de lesións.
Escola de costas
Webinar realizado en colaboración con McMutual, que forma parte das actividades programadas polo ISSGA con motivo da “Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo”, que persegue destacar a importancia da prevención dos trastornos musculoesqueléticos de orixe laboral que afectan a 3 de cada 5 persoas traballadoras e realizar unha sesión da escola de costas enfocada ao teletraballo.
Muller e saúde laboral: diversidade, equidade e igualdade
Webinar realizado en colaboración con Fraternidad-Muprespa, no que se exporán o modelo de muller na sociedade actual, tratando temas como a saúde laboral, a prevención de riscos laborais en clave de xénero e as medidas de diversidade, conciliación, equidade e igualdade que necesitan as nosas organizacións.
Elaboración de protocolos de resolución de conflitos e prevención do acoso no traballo
Este webinar, realizado en colaboración con McMutual, ten por obxectivo ofrecer recomendacións prácticas para a elaboración de protocolos de resolución de conflictos para a prevención do acoso e a violencia laboral dende un enfoque preventivo.