Data do webinar:
30 abril 2025
Hora de comezo:
10:30 horas
Modalidade:
- Streaming
Programa
Vídeo do evento
Esta acción formativa forma parte das actividades organizadas polo Issga con motivo do Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo.
O “Workshop: ollos sans” é un taller online organizado en colaboración con MC-Mutual, cuxo propósito é sensibilizar ao persoal traballador sobre os riscos derivados da fatiga visual e a Síndrome Visual Informática (SVI) na que se abordarán as causas, síntomas e medidas preventivas para evitar estes problemas, así como exercicios prácticos para manter unha adecuada saúde ocular na contorna laboral.
A fatiga visual é unha condición común causada polo esforzo ocular prolongado ao realizar tarefas que requiren unha atención visual constante, como o uso de dispositivos electrónicos. Esta fatiga pode manifestarse en síntomas tanto oculares (ollos secos, visión borrosa, malestar) como extraoculares (dores de cabeza, fatiga xeral, tensión muscular). Doutra banda, a VSI é unha afección que afecta a unha alta porcentaxe de traballadores que pasan máis de tres horas ao día fronte a pantallas. Estímase que entre o 80% e o 90% das persoas traballadoras usuarias frecuentes de dispositivos dixitais experimentan algún tipo de SVI.
O obxectivo principal deste taller é proporcionar aos participantes as ferramentas necesarias para previr a fatiga visual, adoptando medidas correctivas e preventivas que melloren a saúde ocular de maneira efectiva. A través de exercicios prácticos e recomendacións para axustar a contorna de traballo, os asistentes aprenderán como reducir os efectos negativos derivados do uso excesivo de tecnoloxías.
Este taller está aliñado cos obxectivos da Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo (ESSTG27), cuxo Obxectivo Estratéxico 6 fomenta a promoción da saúde e o benestar no ámbito laboral. Neste contexto, o “Workshop: ollos sans” preséntase como unha oportunidade para reforzar as accións de prevención de riscos derivados das novas tecnoloxías e contribuír a unha contorna laboral máis saudable. Así mesmo, enmárcase dentro do OP 3.2 do Plan de Acción 2025 do ISSGA, Rochas?? derivadas da nova realidade laboral, onde se inclúen actuacións dirixidas á prevención dos riscos asociados ao uso de dispositivos móbiles, así como a identificación de riscos novos e emerxentes vinculados ás tecnoloxías dixitais.