Select Page
issga-evento-1-2025-desconexion-dixital

Data do webinar:

6 marzo 2025

}

Hora de comezo:

10:30 horas

Modalidade:

  • Streaming

Vídeo do evento

O dereito á desconexión dixital converteuse nun tema clave no ámbito laboral, especialmente nun mundo cada vez máis dixitalizado. Neste contexto, o webinar organizado polo ISSGA, en colaboración con MC Mutual, ofrece unha oportunidade para reflexionar sobre os aspectos fundamentais da desconexión dixital, coñecer os recursos dispoñibles e aprender a xestionala de maneira efectiva nas organizacións. Participar nesta xornada técnica permitirá ás persoas asistentes adquirir ferramentas para implementar medidas que favorezan un entorno laboral máis saudable e equilibrado, adaptado aos retos da era dixital.

A xornada contará coa relatora Mª Pilar Moreno Moreno, Técnica de Prevención de Riscos Laborais na División dos Servizos de Prevención de MC Mutual. Durante a sesión, abordará os aspectos clave da desconexión dixital e a súa correcta xestión no ámbito laboral.

Nos últimos anos, especialmente co auxe do teletraballo e as novas tecnoloxías, o dereito á desconexión dixital gañou gran relevancia. Este dereito garante que as persoas traballadoras non estean obrigadas a realizar tarefas nin a responder comunicacións laborais fóra do seu horario de traballo. A súa implementación non só afecta á produtividade, senón que tamén é unha medida fundamental para a prevención de riscos laborais. O principal obxectivo é facilitar a conciliación entre a vida persoal, familiar e profesional, protexendo a intimidade das persoas traballadoras e preveñendo a sobrecarga física e mental derivada da falta de descanso e desconexión.

A importancia da desconexión dixital está reflectida no Eixo 3 do Plan de Actuación 2025 do ISSGA, titulado “Programas por Riscos Específicos e Novos Escenarios”. Este eixo abarca tanto os riscos laborais tradicionais como os emerxentes, cun enfoque especial nos riscos psicosociais asociados á dixitalización. Neste sentido, a participación activa en campañas informativas e xornadas técnicas é clave para dar a coñecer as medidas preventivas que se poden implementar nas empresas.

O webinar está dirixido a empresarias, empresarios, mandos intermedios e profesionais da prevención de riscos laborais que desexen coñecer novas ferramentas e recursos para aplicar nas súas empresas. Tamén está aberto a traballadoras, traballadores e persoas que se incorporarán ao mercado laboral, co obxectivo de sensibilizalos sobre a importancia da desconexión dixital.

k

Proceso de inscrición pechado.