Data do webinar:
12 maio 2026
Hora de comezo:
10:00 horas
Modalidade:
- Streaming
Programa
Vídeo do evento
Webinar organizado en colaboración con FREMAP sobre as novidades na selección de protección ocular e facial, centrado na nova norma EN ISO 16321, que substitúe á EN 166 como estándar de referencia. A sesión porá o foco na protección dos ollos e da cara como elementos clave da seguridade laboral, abordando os principais riscos e as solucións de protección existentes.
Durante o webinar facilitaranse ferramentas prácticas para a selección de equipos de protección ocular e facial, amosaranse criterios para unha elección axeitada mediante exemplos aplicados e daranse a coñecer as principais novidades introducidas pola norma EN ISO 16321.
Nesta xornada, que terá lugar o 12 de maio de 2026 en modalidade de videoconferencia, analizarase a evolución normativa da protección ocular e facial, destacando o paso da EN 166 á EN ISO 16321, que desde o 11 de novembro de 2025 se converte no novo estándar europeo para a certificación destes equipos.
O contido centrarase nos distintos tipos de protección ocular e facial, nos factores a considerar na súa selección e no uso de ferramentas prácticas como o prontuario de EPI. Ademais, presentaranse as principais novidades da nova norma, como a ampliación da protección fronte ás radiacións (UV e infravermella), a mellora na adaptación ergonómica mediante criterios antropométricos máis esixentes, e a inclusión de requisitos específicos para gafas graduadas.
Tamén se explicará a nova estrutura da norma EN ISO 16321, segmentada segundo aplicacións (uso xeral, soldadura e protectores de malla), así como as melloras no marcado e etiquetado dos equipos, facilitando a súa identificación e uso correcto.
O obxectivo deste webinar é reforzar o coñecemento práctico na selección de equipos de protección ocular e facial, mellorar a toma de decisións na súa elección e actualizar aos participantes nos cambios normativos que impactan directamente na seguridade e saúde das persoas traballadoras.