Data do webinar:
7 maio 2025
Hora de comezo:
10:30 horas
Modalidade:
- Streaming
Programa
Vídeo do evento
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), en colaboración con FREMAP, organiza o webinar “ACTIVIDADE FÍSICA E SAÚDE”, unha charla de sensibilización destinada a promover a excelencia no tratamento integral da saúde. O obxectivo principal é motivar ás persoas traballadoras para que realicen exercicio físico de maneira regular, contribuíndo a evitar ou minimizar as consecuencias negativas derivadas da inactividade e do envellecemento.
A adopción de hábitos saudables, como a práctica de exercicio físico, repercute directamente no benestar físico e psíquico, ademais de axudar na prevención de trastornos musculoesqueléticos e cardiovasculares. Durante a sesión, analizaranse as consecuencias do sedentarismo ao longo do tempo e exporanse os beneficios dunha práctica regular de actividade física.
Os efectos negativos do sedentarismo maniféstanse progresivamente ao longo dos anos, traducíndose en problemas de mobilidade, fatiga crónica e maior predisposición a enfermidades metabólicas e cardiovasculares. Ademais, a falta de actividade física impacta na saúde mental, podendo incrementar os niveis de estrés e ansiedade.
Pola contra, a incorporación de exercicio físico á rutina diaria ten efectos positivos inmediatos e a longo prazo, como o incremento da capacidade cardiorrespiratoria, o fortalecemento muscular e a mellora da coordinación motriz. Ademais, axuda a previr enfermidades crónicas, mellora o estado de ánimo e favorece un maior benestar xeral.
O ISSGA inclúe no seu Plan de Actuacións para 2025 diversas iniciativas encamiñadas á promoción da saúde no traballo. Recentemente, detectouse unha tendencia preocupante no incremento dos accidentes laborais non traumáticos, como infartos e outros problemas cardiovasculares, cuxa orixe está moi ligada aos hábitos de vida. Por esta razón, no ISSGA estamos cada vez máis comprometidos coa promoción da saúde no entorno laboral.
Inscrición
Para asistir a este evento debes rexistrarte usando o formulario que aparece debaixo. Unha vez introducidos os teus datos recibirás un e-mail coa confirmación.
Uns días antes da celebración do evento recibirás un novo e-mail coa ligazón desde a cal poderás seguir o evento por video-streaming.
Importante: Revisa na túa conta de correo non desexado ou spam por se non recibes o correo de confirmación ou a ligazón á videoconferencia.
Ante calquera dúbida podes contactar con nós no e-mail: rexistros@issgaeventos.com