O traballo a distancia e o teletraballo forman unha parte cada vez máis habitual da organización do traballo e presentan vantaxes relacionadas coa flexibilidade e a autonomía, pero tamén poden implicar riscos laborais específicos que deben ser identificados e xestionados desde unha perspectiva preventiva.
Neste contexto o Issga, en colaboración con Asepeyo, organiza este webinar sobre a prevención de riscos no traballo a distancia e o teletraballo. Na sesión abordaranse os principais riscos asociados a estas modalidades de organización do traballo, con especial atención aos aspectos ergonómicos, aos trastornos musculoesqueléticos, á fatiga visual e aos factores de risco psicosocial, así como ao tecnoestrés, á organización do tempo de traballo e á desconexión.