O liderado desempeña un papel relevante na creación de contornas de traballo saudables e na promoción do benestar das persoas traballadoras. Un liderado consciente, empático e adaptativo pode contribuír a xerar relacións baseadas na confianza, mellorar a comunicación e previr riscos psicosociais.
No marco da Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo, o Issga, en colaboración con MC Mutual, organiza este webinar sobre liderado saudable, no que se abordará o papel das persoas que exercen funcións de liderado na xeración de seguridade psicolóxica nos equipos. A través de exemplos, dinámicas participativas e outros recursos, analizarase como favorecer espazos nos que as persoas poidan expresarse con confianza, participar, colaborar e desenvolverse plenamente.